Os proxectos que forman parte desta edición da Aceleradora destacan pola súa diversidade e compromiso coa Economía Social.
Dende agora e ata finais de maio, os proxectos seleccionados recibirán asesoramento personalizado, sesións de formación en directo, mentorías con expertas e sesións de coaching.
Desde Andalucía participan proxectos moi variados, como Schaon, unha cooperativa que se dedica á exportación de roupa feminina a distintos países de Latinoamérica para a súa venda por xunto; Vitaliza Agency, unha axencia de márketing dixital en Málaga que axuda a impulsar negocios. Tamén atopamos a proposta de Renovamas, que se dedica á elaboración e venda de xabóns estéticos e naturais, e finalmente temos Raíz, unha cooperativa que realiza tatuaxes, piercing e terapias holísticas.
En Galicia atopamos iniciativas como Xinegal S. Coop. Galega, unha cooperativa que elabora sandalias personalizadas e bolsos, combinando artesanía e creatividade; Finca O PaporruBio, un proxecto innovador de terapias de bosque que promove o benestar a través da conexión coa natureza; e LAREGA, unha consultora especializada en políticas públicas e economía social que aposta por transformar as estruturas sociais cun enfoque sostible. Tamén destaca unha iniciativa que organiza actividades para mulleres, festivais e obradoiros de conexión coa natureza, fomentando o goce consciente dos espazos naturais. Ademais, a cooperativa A Casa de Lola está traballando na recuperación dunha casa para convertela nun espazo onde unir cultura e formación, poñendo en valor o territorio e o patrimonio local.
En Cataluña tamén hai moita diversidade de proxectos. Por unha banda, atopamos Eunoia Leadership, unha consultoría en liderado inclusivo que acompaña organizacións no seu camiño cara a un impacto máis grande e sostible no mundo, fomentando a equidade, a diversidade, a inclusión e a interculturalidade. Femme Gatusada é un proxecto que nace nas redes sociais para poñer o foco na relación das mulleres coa súa propia imaxe a través de obradoiros, cápsulas formativas para empresas e materiais didácticos.
Por outra banda, atopamos Vuélvete Local, unha plataforma en liña que ofrece solucións dixitais para o comercio local. Seguimos con Tot Emocions, unha iniciativa que aspira a ser unha comunidade de transformación feminina para o benestar, incluíndo terapia e círculos de apoio. Tamén destaca Núvol Marketing, unha empresa de márketing 360 que ofrece servizos de deseño gráfico, deseño web e posicionamento SEO. Ademais, contamos coa participación de MouVisió, un proxecto que busca divulgar a optometría para amosar os seus múltiples beneficios.
Todos estes proxectos comparten un mesmo obxectivo: emprender baixo o paraugas da Economía Social, promovendo valores de cooperación, sustentabilidade e igualdade.